VI Ruta BTT Vimianzo 09
29-08-09
[ Fotos ]
O sábado 29 de Agosto, ás 15,30 horas, os cicloturistas do CCCambre-Caeiro tiñamos cita en Vimianzo para participar na VI Ruta BTT que organiza o club Eibike e patrocina o concello. Esta marcha ademáis de ter un percorrido moi atractivo, é a única que coñecemos que é totalmente de balde, ou sexa que non hai que pagar nin inscripción, nin licencia federativa, nin nada, só adicarse a disfrutar da bicicleta e da paisaxe.
E con esta idea nos desprazamos alí Abuín, Arturo, David, Javi, Julio, Moncho, Monky e Segade. Viaxou tamén Ismael que ultimamente pedalea con nós, e na saída atopamos ó ilustre Master 30 Ramón Seoane, alias Monchito, seguramente iniciando a súa preparación para competir na tempada de Ciclocros. E non quero esquecerme da asistencia feminina habitual, formada esta vez por Ana, Estíbaliz, Karina e María, que aproveitaron tamén para facer algo de turismo de verán.
E con máis de media hora de retraso puxémonos a rodar os case que 200 ciclistas inscritos, gozando dunha tarde estupenda para disfrutar da bicicleta. A primeira parte do percorrido era sinxela, para ir quentando, por terreo chao e camiños estreitos acarón do río, para despois afrontar unha sucesión de subidas e baixadas por pistas de terra con algún enlace por asfalto, para rematar na habitual trialeira estreita e bastante técnica, na que á dificultade propia do terreo se unían os obstáculos móbiles que formaban algúns participantes de nivel técnico inferior, que avanzaban a pé e con poucas posibilidades de ser adiantados.
Pequeno reagrupamento na cume para pillar folgos e deixarse caer por un tobogán que enlazaba con outra subida curta pero empinada, ó remate da que comenzaba unha longa e rápida baixada de terra, con pedras soltas e moito pó, na que había que poñer os cinco sentidos.
Novo reagrupamento aproveitando un curto enlace por estrada e volta de novo ó camiño para subir durante un bo treito, baixar ata a un extremo da praia de Traba e circulando polo paseo peatonal de madeira cruzar ata o outro extremo donde nos agardaba un abondoso avituallamento formado por sandwiches, froita e bebidas, con tempo dabondo para descansar antes de afrontar a segunda metade do percorrido.
Desde Traba ata Camelle circulamos sempre pretiño do mar, por camiños cheos de pelouros e moi revirados, ideais tanto para os que prefiren o sendeirismo cargando coa bici, coma para os equilibristas e brincadores. En Camelle outro pequeno parón e despois unha subida fodedora dus 2-3 qmts por estrada, que enlazaba con unha pista de terra ampla e con bo firme, en constante e longa subida, rematada nun durísimo repeito duns 300 metros no que había que poñer toda a carne no asador ou optar por facelo andando, xeito escollido pola meirande parte dos participantes. A parte final xa non podía ser doutro xeito que baixando, para entrar en Vimianzo polo mesmo sitio por onde saímos.
Os agrupamentos intermedios teñen pros e contras, xa que por unha banda animan e axudan ós que teñen máis dificultades e por outra, disgustan ós que están sobrados e prefiren chegar rapidiño ás duchas para non ter que agardar longas ringleiras. Neste caso, un compoñente da organización facía de animador e movía ó persoal para que non se durmise na auga quente, aínda que para ser máis efectivo só lle faltaba un látigo na man.
Para rematar recollemos un agasallo cada un dos participantes en forma de camiseta esta vez cun deseño moi logrado e disfrutamos de pinchos variados e abondosos, acompañados de bebidas refrescantes e cervexa sen limitacións.